Apúntense!

Se queren apuntar a algún neno as clases de Xadrez poden comunicarllo a calquera membro da directiva ou mandar un email co nome e a idade a accanle@gmail.com.

Pregámoslles que asistan o primeiro día para informarnos de calquera particularidade dos pequenos e de establecer formas de comunicación ante calquera eventualidade.

As clases son de nivel moi básico, para aqueles que non xogaran nunca e están dirixidas en principio a nenos de 5 a 10 anos.

Para a liga de Xadrez poden apuntarse do mesmo modo ou a través dun evento que crearemos no facebook.

Recordámoslles que ambos eventos terán lugar no edificio Domus de Portocubelo e os horarios serán de 16:00 a 17:30 para as clases e de 17:45 a 19:15 para as partidas.

Saúde e sorte polos camiños.

 

Así será a liga de Xadrez… e posiblemente outras.

Os xogadores de xadrez de certo nivel acostuman a ter un “rating” coñecido como ELO polo nome do seu inventor, Arpad Elo, un científico húngaro que ideou o sistema.

Baséase nos resultados dos enfrontamentos e no ELO dos xogadores contra os que un participa, desta forma un participante incrementará máis o seu “rating” se vence a un xogador de maior nivel. O oposto é tamén certo para as derrotas, perderemos máis puntos canto peor nivel teña o opoñente que nos gaña.

Na nosa liga, despois de coñecer a cada un dos asistentes a cada xornada decidiremos as partidas tendo en conta criterios como o número de veces que se encontraron dous xogadores, que teñan un nivel parecido ou que leven moito tempo sen xogar entre eles. Despois calcularemos o novo ELO de cada un e estableceremos a nova clasificación.

Como renunciamos a ter unha clasificación por sistema de puntos, non será necesario presentarse a todas as xornadas de liga, pois o gañador final será o de mellor “rating”.

Deste xeito permitimos que poidan concorrer tódolos interesados, incluíndo desplazados, emigrantes e visitantes, pois non necesitan unha presencia permanente no lugar para poder participar.

Clube lúdico-deportivo

O próximo sábado 18 de xaneiro imos comezar a impartir clases de Xadrez ós nenos. Esta actividade é parte dun proxecto máis amplo que incluirá outros xogos e deportes, sexan estes clásicos ou modernos, propios ou importados, no que chamaremos un clube lúdico-deportivo.

Son coñecidos os beneficios físicos e mentais destas prácticas, que consideramos un dos obxectivos centrais destas novas actuacións que vai facer a nosa asociación así como a preservación e popularización da nosa cultura mediante a inclusión de xogos e deportes tradicionais.

Tamén o mesmo día comezaremos a nosa primeira liga de Xadrez para todas as idades. O formato permitirá a asistencia flexible dos xogadores, pois entendemos que un dos problemas para a realización deste tipo de eventos son as dificultades de participación por motivos de estudos ou traballo noutras poblacións, problemas de axenda e outros.

Os horarios serán de 16:00 a 17:30 para as clases e de 17:45 a 19:15 para as partidas. Terán lugar no edificio Domus en Portocubelo.

Nos próximos días informaremos das formas de inscripción e participación así como do formato da competición.

Saúde e sorte polos camiños.