Sam Ponsford leva inspirándose na singular beleza da costa galega desde que se mudou ao norte de España en 2010, inicialmente perseguindo a súa paixón polo surf e os deportes de aventura.
Creceu en Gran Bretaña e as súas viaxes por ese e outros países na súa adolescencia trouxéronlle a súa primeira cámara: unha cámara compacta analóxica que utilizaba para documentar as súas viaxes de escalada, piragüismo e surf e que foi o seu primeiro achegamento á fotografía.
Viaxou a moitos lugares de Europa, norte de África, Estados Unidos, América e Asia en busca de aventura. O que comezou como un proxecto adolescente de retratar as súas fazañas converteuse en algo máis vital para Sam na súa vida de adulto: os acontecementos da súa vida aumentaron a súa percepción do paso do tempo e o seu fugaz transcorrer nas nosas vidas, un sentimento que tomou forma como o tema emerxente da súa fotografía. O feito de mudarse a Galicia hai unha década permitiulle complementar esta temática fotográfica cun desexo de capturar a extraordinaria beleza das paisaxes terrestres e mariños da rexión.
O nacemento das súas dúas fillas en 2015 e 2017 acrecentou o desexo de Sam de facer a experiencia do tempo máis tanxible. Sam quería capturar non só a beleza do momento senón tamén as emocións que a acompañaban, impregnando as súas fotos cunha sensación próxima á nostalxia dun pasado que aínda está por vir.
Para Sam, o pracer de ver ás súas fillas crecer vai sempre acompañado dunha aumentada percepción do paso do tempo. Estas ideas son un factor común de toda a fotografía de Sam, que experimenta co dixital e o analóxico e tenta manipular o noso sentido do tempo, capturando escenas de terra e mar vistas a través dun filtro emocional que evoca a sensación de rememorar un recordo feliz que non se acaba de situar no tempo. Como un sabor ou un cheiro que nos trae unha emoción do pasado pero que non lembramos por completo.
Como surfeiro e piragüista, Sam coñece moi ben a costa de Galicia: vive coa súa esposa e as súas dúas fillas nunha casa en Carnota con vistas á península de Fisterra, no agreste extremo do continente, así que sempre ten presentes os efectos fugaces do tempo, o cambiante temperamento do mar e o ceo, o ritmo das ondas. A procura de boas ondas levoulle a visitar a maioría das praias da rexión, cando non está surfeando, explora a costa coas súas cámaras capturando imaxes co seu estilo distintivo. De profesión, Sam traballa como fotógrafo de vodas en Galicia e o resto de Europa.