ASOCIACIÓN CULTURAL CANLE
A Asociación Cultural CANLE de Lira naceu alá polo ano 1992 no cine de Lira, nunha reunión de veciños da parroquia con inquietudes sociais e culturais, co fin de dinamizar a parroquia de Lira e os seus arredores. Dende aquela, en maior ou menor medida pero sempre ao límite das nosas posibilidades, traballamos para revitalizar a nosa parroquia, tanto social como culturalmente.
Como os nosos recursos son escasos non podemos facer todo canto se nos pasa pola cabeza -supoñemos que coma a todos- pero o que si temos moi claro é que só se poden organizar cousas se somos quen de contaxiar a nosa ilusión a toda a xente que está ao noso arredor.
Unha das nosas prioridades é implicar a todos os estamentos -político, social, deportivo e empresarial- para así desenvolver todo tipo de actividades que sirvan para conservar, poñer en valor e promocionar a grande herdanza cultural que nos deixaron os nosos pais.
Cartos, non moitos, pero o que é cabaceiras, un feixe delas.
A NOSA LANCHA XEITEIRA
Nas xornadas de Andar ao Mar tomamos contacto con xente moi concienciada coa conservación do patrimonio marítimo e pensamos que sería moi interesante tentar construír unha lancha do xeito, a embarcación máis emblemática da nosa zona usada durante moitos anos na pesca da sardiña. Así que puxemos mans á obra e un ano despois (2003) botamos ao mar, en Cabo da Cruz (Boiro), esta marabilla de barco que tedes aquí á beira.
Dentro desta nova dinámica mariñeira na que entrou a asociación afiliámonos á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, sendo xa un total de trinta e catro asociacións as que defendemos o noso patrimonio para que non se perda, tanto a nivel de embarcacións como procurando convencer ás institucións para que tomen conciencia da grande riqueza cultural que temos arredor deste noso mar que tanta fame matou.
Dentro das nosas actividades destacamos a Carreira a pé:
- A Carreira a pé, nas súas diferentes categorías, faise todos os anos no mes de agosto, e con ela procuramos unir o puramente deportivo co festivo, xa que ao seu remate, no Mar de Lira, celebramos unha sardiñada acompañada de pementos de Padrón (dos de verdade, que para iso llos imos mercar a unha velliña de alá que nolos vende por xunto). Nese serán, a base de sardiñas, boroa e moito viño, facemos unha festa que para si quixeran moitos.
accanle@gmail.com